Sunday 19 de May de 2024

Concello e Deputación renovan o seu compromiso de colaboración en materia de igualdade e cultura


A alcaldesa e o presidente do organismo provincial asinaron hoxe a renovación do convenio para o mantemento da Casa de Acollida, destinada a vítimas de violencia de xénero

Tamén renovaron o convenio para a promoción da Orquestra Sinfónica de Galicia polo que o organismo provincial achega 1,5 millóns de euros

O Concello da Coruña e a Deputación renovaron hoxe a súa colaboración en materia de igualdade e cultural. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou esta mañá a renovación de dous convenios co presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso. Un deles para o financiamento do mantemento da Casa de Acollida, destinada a vítimas de violencia de xénero; e outro para o impulso da actividade da Orquestra Sinfónica de Galicia.

No caso da Casa de Acollida, Concello e Deputación manteñen, un ano máis, a súa colaboración no financiamento dos gastos de mantemento do centro así como de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres que sofren violencia de xénero. A través deste acordo, a Deputación achega este ano 120.926,27 euros, o 25,39% dos gastos de mantemento previstos do espazo, reforzando así un servizo social esencial que dá atención ás vítimas da violencia de xénero así como ás e aos menores dependentes delas.

Rey e Formoso asinaron tamén a renovación do convenio de colaboración para o cofinanciamento do programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia, formación que, ademais dos concertos que ofrecerá na Coruña, actuará tamén en Santiago e Ferrol ao longo deste ano, así como noutros municipios da provincia. A colaboración esténdese tamén á Orquestra Nova e á Orquestra de Nenos, aos Coros e ao proxecto didáctico. En todos os casos levarán tamén diversas actividades a distintos municipios da provincia. En total, a Deputación achegará 1,5 millóns de euros para a promoción da oferta musical a través da Sinfónica, o que supón o 70,75% do orzamento xeral. “A Sinfónica é un referente de nivel internacional e convenios coma este permítennos contribuír a achegar o mellor da cultura musical a toda a cidadanía”, indicou Rey